martes, 23 de abril de 2013

PERSÉPOLE

Persépole é a historia autobiográfica da iraniana Marjane Satrapi, a historia de como creceu nun réxime fundamentalista islámico que a acabaría levando a abandonar o seu país. O cómic empeza a partir do ano 1979, cando Marjane ten dez anos e desde a súa perspectiva infantil é testemuña dun cambio social e político que pon fin a máis de cincuenta anos de reinado do xa de Persia en Irán e dá paso a unha república islámica.

Ademais de diferenciarse dos demais nenos por ser educada ao estilo occidental dentro dunha familia de clase alta e por uns pais de ideoloxía progresista e partidarios do islamismo moderado, "Marji" (como a coñeceremos ao principio da historia) tamén ten unha considerable inquietude intelectual para unha nena da súa idade e notable imaxinación que a leva a manter conversacións con Deus -ao que atopa un curioso parecido con Karl Marx
- ou soñar con chegar a ser algún día o última profeta que siga os pasos de Jesús e Mahoma. A historia duns antepasados ilustres (o seu bisavó foi o último rei da dinastía persa dos Qadjar), unha familia que se opón activamente ao goberno do Xa, as manifestacións, a diferenza de clases sociais ou a marxinación da nena son algunhas das pezas do quebracabezas que Marji esfórzase por compor coa intención de comprender o mundo que a rodea. Á vez que vai crecendo, Marjane dáse conta de que o novo réxime islámico polo que loitaron os seus pais caeu en mans dos integristas e que non trae consigo nada bo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario