lunes, 7 de abril de 2014

Abril, o mes do libro e da lectura

Chegou o mes de abril e con el promesas de augas mil (é que non tivemos abondo?), pero tamén de libros e plácidas lecturas nos días de vacacións que se aveciñan.
Na biblioteca queremos celebrar este mes tan especial organizando ou colaborando na realización de diferentes actividades:
1. Lembrade que temos un concurso de fotografía aberto (a data límite de envío é o 22 deste mes).
2. Contaremos coa visita sorpresa dun escritor.
3. O mércores 30 teremos entre nós a Jorge Mira, a quen escoitaremos falar de curiosidades científicas varias.
4. Haberá unha sorpresa para @s que vos animedes a pasar pola biblioteca o mércores 23.
Non faltedes!

E agora entre nós, sabedes por que o Día Internacional do Libro é o 23 de abril e non calquera outro?
Aquí tedes unha breve explicación:


O 23 de abril de 1616 enterraban en Madrid a Miguel de Cervantes Saavedera, sen dúbida, o máis importante escritor en lingua castelá de todos os tempos. Dez días máis tarde, o 23 de abril de 1616, choraban en Londres a morte do senlleiro dramaturgo William Shakespeare.
Uuu, como é iso? O 23 de abril e 10 días máis tarde, outra vez o 23 de abril? Pois ben, non nos equivocamos.
Ocorre que na Inglaterra do século XVII aínda se rexían polo calendario xuliano o que Xulio César encargara ao astrónomo greco-exipcio Sosíxenes. Porén, ese calendario tiña un problema: cada ano duraba once minutos e catorce segundos máis que o ano astronómico real. Parece un desaxuste pequeno, pero conforme pasaba o tempo, a diferenza non paraba de medrar e o caos acadou tal magnitude que no século XVI o papa Gregorio XIII promoveu unha nova reforma do calendario que eliminase os días sobrantes, que daquela xa eran dez. Así se fixo e nos países católicos –España entre eles– a xente foise á cama na noite do xoves 4 de outubro de 1582 e ergueuse na mañá do venres 15 de outubro de 1582 (ese si que foi un cambio horario!). Non obstante, os países de confesión protestante ou ortodoxa seguiron rexéndose durante moito tempo polo vello calendario xuliano (Inglaterra, por exemplo, non adoptou o gregoriano ata 1752). Esa é a razón de que, aínda que entre a morte de Cervantes e de Shakespeare transcorreron 11 días, tomamos o mesmo día, o 23 de abril, para conmemorar a súa obra e celebrar o Día do Libro.


 Neste enlace tamén podedes ver un traballo sobre a historia do libro que expuxemos o curso pasado.


No hay comentarios:

Publicar un comentario